Historia

Manuel Garrido Otero, o tataravó dos irmáns Garrido, erixiu un pequeno galpón duns 100 metros cadrados cerca do porto do Grove, no mesmo lugar onde hoxe se ergue unha nave máis ampla.

As dornas e gamelas foron as primeiras embarcacións construídas no taller. Alí o bisavó dos carpinteiros actuais, José Garrido Moldes, xunto co seu curmán, José Garrido Carrera e os seus dous fillos Ramón e Manuel Garrido Álvarez, construíron embarcacións galegas tradicionais, como as dornas e dúas motoras de 22 m de lonxitude que se chamaban “María” e “Rosita”.


 

A seguinte xeración, aquela do avó Manuel Garrido Álvarez, fíxose cargo da carpintería de ribeira durante os anos 30, construíndo barcos como o Voltaire, unha embarcación tradicional de 14 m de eslora para a pesca da sardiña, dotada dun motor auxiliar de gasolina. Outros exemplos de construcións foron as motoras coma “O’Meco” construído en 1936.

 


Durante os anos 60 e tras a xubilación do avó Manuel, o pai dos irmáns Garrido, José Garrido Vidal, tomou as rendas do negocio familiar.

Durante aquela época construíronse as primeiras bateas para o mexilón. Este tipo de traballo non era tan esixente para as destrezas dos carpinteiros de ribeira, pero axudounos a superar este período complicado.

 

 

 

 

Os irmáns Garrido son catro, un deles e químico, pero os outros tres, Pepe, Carlos e Fabián, continúan hoxe en día coa actividade familiar no mesmo lugar onde moitos anos atrás o tataravó fundara o estaleiro.

 

No ano 2002 recibimos a visita da S.M. o Rei de España, Juan Carlos Primeiro, para coñecer o estado dos traballos dos galeóns Silma e Sanxenxo.